Proyecto de Reserva Marina de Lira [reportaje en La Opinión A Coruña]

LaOpinion_AMPLira_1

Reportaje en La Opinión A Coruña sobre el proyecto de creación de una reserva
marina en la Cofradía de Lira (domingo 29 de Enero de 2006), incluyendo tres artículos (texto completo en la continuación):

[Copias de la noticia original en formato jpg: portada, página 1, página 2]

Más información (Taller sobre Areas Marítimas Protegidas: Las despensas del Mar, Cofradía de Pescadores de Lira, Carnota, 25 Octubre 2003):

A primeira reserva mariña do Cantábrico e o Atlántico ubicarase no litoral coruñés

O proxecto de espazo pesqueiro protexido foi deseñado polos propios mariñeiros do porto de Lira e aspira a converterse na única Reserva da Biosfera da península Ibérica, título que concede a Unesco.
Selina Otero. A Coruña

A costa coruñesa contará coa primeira reserva mariña da fachada atlántica e cantábrica do país. Galicia estreará o seu papel conservacionista e protector dos recursos típicos da Costa da Morte coa creación dunha área marítima protexida de interés pesqueiro no litoral de Carnota. Esta despensa do mar, que ocupará unha superficie de 1.100 hectáreas de masa acuática no entorno do porto de Lira, recibirá uns cuidados especiais. Os mariñeiros da zona poderán pescar nela pero cunhas restricións que o propio sector pesqueiro está a deseñar para que, nese anaco de mar, as especies dean exemplo do que debería ser a reproducción perfecta: unha piscina-viveiro sen riscos de sobrepesca e unha oportunidade única para o rexurdir das especies fóra das trabas dunha rede insistente.

Anque existen precedentes de áreas mariñas protexidas no Mediterráneo e nas illas Canarias, a de Lira será a primeira reserva de interés pesqueiro en España promovida e solicitada polo propio sector ante a necesidad de coidar os recursos da baixura, especies das que dependen miles de postos de traballo nos portos da comunidade. Foron os propios mariñeiros da confraría desta localidade coruñesa os que propuxeron acotar e resgardar esta leira mariña pola súa productividade. E esta iniciativa -na que participa o pósito de Lira, profesores da Universidade de A Coruña, asociacións ecoloxistas e a Administración autonómica- ten todas as papeletas para converterse nuns anos en reserva da biosfera, un título que concede a Unesco como premio ó conservacionismo. Esta distinción situaría á comunidade galega en referente peninsular no coidado da fauna mariña e tamén pola perfecta combinación da man do pescador coa sostenibilidade dos recursos. En España só as illas de Menorca, Lanzarote e, recentemente, El Hierro -como zonas pesqueiras- conseguiron a etiqueta de reserva da biosfera por parte da Organización das Nacións Unidas para a Educación a Ciencia e a Cultura. Chegar a ser referente como reserva da biosfera tamén é unha das prioridades do actual Goberno autónomo. "Xa o tiñamos incluido no programa electoral e irémolo desenvolvendo pouco a pouco entre Pesca e Medio Ambiente e o propio sector, que é o principal protagonista e impulsor deste proxecto do que nos sentimos moi orgullosos", manifestou a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego. Para o profesor de Antropoloxía da Universidade da Coruña, Antonio García Allut, que forma parte do equipo de traballo e está a realizar xunto a outros compañeiros a memoria que senta as bases desta reserva mariña, trátase de conxugar o plano conservacionista coa explotación racional dos recursos. "En Canarias e o Mediterráneo promoveron as áreas protexidas organizacións ambientalistas ou a Administración pero aquí foi o propio sector da zona", apuntou García Allut.

O equipo multidisciplinar de recursos da Universidade da Coruña ten previsto rematar en marzo a mem oria do proxecto -centrada na avaliación da abundancia e a diversidade da fauna desta área-, que será enviada á Administración autonómica.

A zona escollida e delimitada polos mariñeiros de Lira para ser protexida polo seu potencial pesqueiro e marisqueiro concentra os principales bancos de pesca de baixura da zona. "Nécora, centola, camarón, santiaguiño, lumbrigante, polbo, ourizo, lubina ou sargo son algunhas das especies principais. Dentro das máis de 1.000 hectáreas fixaranse dúas áreas máis pequenas, que son os focos de reproducción, nas que estará prohibido pescar. No resto da plataforma protexida sí se poderá faenar anque cuns requisitos especiais que estamos acordando. Por exemplo, haberá topes de capturas para especies que non teñen, coma a centola, aumentaremos o tamaño mínimo de recursos coma a centola ou o polbo, e farase un réxime de vedas e paros pero, insisto, isto só se cumplirá na zona acotada", explicou Emilio Louro, secretario da Cofradía de Lira.

Sargos e centolas en gaiolas de ouro

A área pesqueira protexida que máis se parece ao que pretende ser o mar de Lira é a illa de El Hierro, declarada pola Unesco reserva da biosfera malia que se permite faenar.
S. O..A Coruña

Serán máis de 1.000 hectáreas de mar no entorno do porto de Lira nas que ourizos, sargos ou centolas terán o privilexio de vivir coma nunha gaiola de ouro sempre e cando os mariñeiros da Costa da Morte se comprometan a coidar a despensa do Atlántico.

"A área ten dous hábitats diferenciados. Un de praia, en Carnota, onde se atopan peixes planos coma o linguado e antes había navalla e coquina. O outro hábitat son fondos rochosos e acantilados, coas especies típicas da Costa da Morte: centola, nécora, camarón, percebe, ourizo, lubina, sargo, rodaballo ou polbo. Os dous focos de reproducción chamaranse reservas integrais, dous puntos onde se vetará a actividade pesqueira. No resto, poderán pescar dun xeito sostible e racionalizando os recursos", explicou Juan Freire, profesor de Bioloxía da Universidade da Coruña e membro do equipo que traballa no deseño desta reserva protexida. Ao contrario do que aconteceu coas reservas do Mediterráneo e de Canarias, dentro duns anos os biólogos poderán avaliar os resultados deste proxecto conservacionista do mar de Lira e o aumento da biomasa das especies grazas ao estudo inicial sobre a abundancia e diversificación de recursos na zona que realiza na actualidade este equipo especializado. "Na memoria describirase toda a fauna comercial e non comercial que habita na área. Co tempo poderemos comparar datos e comprobar a evolución das especies. Se se respetan os focos de reproducción é máis que probable que se incremente a abundancia dos recursos na reserva e fóra desta", apuntou Freire.

A zona máis semellante ao que o proxecto do Mar de Lira pretende ser é a reserva de El Hierro. Ata alí viaxou o ano pasado unha delegación coruñesa, composta por membros do comité de expertos e do propio sector de Lira. Nesta pequena illa do arquipélago canario os mariñeiros foron capaces de combinar o coidado da reserva da biosfera coa extracción de langosta, mero, vieja o atún.

Galicia terá que agardar a que se produza esta simbiose ata 2007, data na que a primeira reserva mariña da comunidade tomará fondo e forma. Malia que varias confrarías galegas mostraron a súa disposición para unirse á idea de Lira, parte da comunidade pesqueira da zona teme que o proxecto incremente os impedimentos á hora de faenar. Dende a Confraría de Lira, promotora da iniciativa, insisten en que a reducción do esforzo nesa pequena área pagará a pena polos futuros beneficios para as poboacións. "Para vender ben non hai necesidade de pescar moito", engaden.

Lanzarote, Menorca e El Hierro: as únicas premiadas pola Unesco

El Hierro, cun espazo marítimo protexido aberto á actividade pesqueira, foi declarada hai uns meses pola Unesco: reserva da biosfera. Previamente recibiran este galardón Lanzarote (illa A Graciosa) e Menorca. No mundo existen 357 reservas da biosfera. Son zonas que pertencen a ecosistemas terrestres ou costeiros que a Unesco premia sempre e cando, ademais do seu potencial natural, destaquen por unha relación equilibrada entre a humanidade e o medio ambiente. En España son 16 -dende Doñana, ata a Serra de Cazorla ou o Río Manzanares- e a área protexida de Lira aspira a ocupar o posto 17. Noutros continentes destacan as reservas de:

-Taza (Arxelia)

Este lugar caracterízase por unha espectacular paisaxe composta por acantilados, praias, montañas e vales. Alberga especies de monos en perigo de extinción.

-Bahía Georgiana (Canadá)

Abarca a ribeira occidental do lago Hurón, onde se atopa un dos arquipélagos de auga doce máis vastos do planeta.

-Foping (China)

Constitúe un dos tres hábitats máis importantes do gran panda da China e ten unha ampia variedade de plantas medicinais.

-Nanda Devi (India)

Sita na cordilleira do Himalaya, comprende dous parques nacionais patrimonio da humanidade.

-Ría Celestún y Lagartos (México)

Abarcan zonas costeiras da península do Yucatán, no Golfo de México, e acollen importantes humedais inscritos na Lista da Convención de Ramsar. No futuro uniranse nunha soa reserva.

-Cat Ba (Viet Nam)

Está formada por un arquipélago do Viet Nam, nomeado patrimonio mundial. Ten unha parte de zona costeira, cun enorme potencial para agricultura e acuicultura.

No Comments yet »

Suscripción RSS a los comentarios de la entrada.

Deje un comentario

XHTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

Entries and comments feeds. Valid XHTML and CSS.