Entrevista a Nuria Fernández
06/07/09 ,O pasado domingo 28 de Juño do 2009 saiu publicada na sección Innova Galicia de La Voz de Galicia a entrevista que lle fixeron a Nuria Fernández, membro do grupo de investigación.
Fonte: La Voz de Galicia – Enlace al artículo.
Entrevista en pdf: aquí.
Novos investigadores | Nuria Fernández Licenciada en Ciencias do Mar
«Se a Xunta pagou os meus estudos sería unha mágoa non traballar en Galicia»
Licenciouse en Ciencias do Mar en Vigo no 97. Marchou a Francia. Doutorouse e estivo en Cádiz, París e China. Malia algunha tentación de ficar no estranxeiro confesa que tivo morriña e voltou para facer país a través da ciencia. Nuria Fernández, investigadora do Grupo de Recursos Mariños e Pesquerías da Universidade da Coruña, colle entre aspas o concepto de «xoven investigadora». Cun dilatado currículo, supera a trintena e afirma que lle queda moita traxectoria por diante. «Nesta carreira de fondo a consideración da idade é distinta», di.
¿Por qué?
Considérannos estudantes moito tempo e é un pouco inxusto. Inflúe ser bolseiros tantos anos, mesmo cando es doutor. Pero es produtivo para a Universidade, que se beneficia das publicacións, das clases que impartes… Levo anos contratada e a xente aínda me pregunta: ¿queres esta bolsa?
Logo da súa peregrinaxe de novo aquí…
Si, pasei por todos os estadios dende que rematei a tese no 2002, sobre contaminación mariña. Cando ocorreu o accidente do Prestige contratáronme na Universidade para desenvolver unha acción urxente no Ministerio.
¿Cómo foi a experiencia?
Recórdoa moi tensa, de ter a toda a prensa no laboratorio. Na tese desenvolvín un bioensaio para estudar a calidade dos sedimentos mariños cun capítulo sobre hidrocarburos. No Prestige usáronse ese tipo de bioensaios.
¿Partiu da Universidade e voltou a ela?
Parecíame que en Galicia había moito que facer. Voltei co Programa Parga Pondal, coas súas vantaxes e riscos porque para renovarte o contrato tes que publicar e facer proxectos, ás veces con tempo insuficiente. Tamén dou clases. Para estabilizarte é moi valorada a docencia, que a mín encántame. Tiven a tentación de quedar en París, pero tendo estudado en Galicia, sendo a Xunta quen me pagou a bolsa para estudar sería unha mágoa non traballar aquí.
¿Qué se fai no laboratorio unha tarde a finais de xuño?
Pois píllasme pedindo proxectos para financiarnos, agora que saíron convocatorias.
¿Qué proxectos preparades?
Un sobre unha explotación de recursos pesqueiros en Galicia. Fanse os estudos biolóxicos necesarios para facer un plan de explotación sostible. Logo hai proxectos en áreas mariñas protexidas.
¿E se non estivera dando clase nin preparando proxectos?
Pois desenvolvería os proxectos que preparamos. Hai un para estudar como foi a evolución das pesquerías no ourizo de mar. Investigas a evolución da pesquería, canto se sacou cada ano, a arte de pesca, o esforzo de pesca, para coñecer as causas da sobreexplotación, saber se é posible repoboar. Tes que entrevistar aos pescadores, que saben moito.
No Comments yet »
RSS feed for comments on this post. TrackBack URI