Diagnóstico del sector pesquero y acuícola de Liberia
15/02/09 ,Noticia publicada por el CETMAR sobre la reciente misión a Liberia en la que he participado:
O Centro Tecnolóxico do Mar propón ao Goberno de Liberia colaborar na mellora da capacitación técnica da súa administración pesqueira
O Centro Tecnolóxico do Mar podería colaborar co Goberno de Liberia na mellora da capacitación técnica da súa administración pesqueira. A proposta de cooperación e froito das xestións feitas por unha misión técnica da Fundación Cetmar que recentemente visitou o país africano para desenvolver un proxecto promovido pola Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento a través do programa Nauta.
O obxectivo do proxecto da AECID é realizar un diagnóstico da situación actual do sector pesqueiro e acuícola de Liberia e, en particular, da institución responsable do desenvolvemento e da xestión pesqueira e acuícola, o Bureau of National Fisheries. Durante esta misión, que se prolongou do 26 de xaneiro ao 8 de febreiro, o equipo técnico español formado por Grabriel de Lara, técnico do Cetmar, Francisco Saborido do CSIC e Juan Freire da Universidade da Coruña, mantivo reunións con diferentes departamentos gobernamentais e con representantes de organizacións internacionais e ONGs, ademais de visitar numerosas comunidades pesqueiras.
Como resultado da misión de diagnóstico, os expertos españois elaboraron unha serie de recomendacións co obxectivo final de adecuar as capacidades do Bureau of National Fisheries para que poida atender ás necesidades do sector pesqueiro e iniciar así o desenvolvemento dunha actividade clave para a economía e a seguridade alimentaria de Liberia. Neste senso, e dacordo á folla de ruta deseñada polo Ministerio de Agricultura liberiano para o desenvolvemento desa institución como organismo autónomo, propúxose levar á práctica un programa formativo nas súas principais áreas de responsabilidade. A finalidade é, nun horizonte de tres anos, fortalecer a institución e capacitar tecnicamente aos seus membros para que poidan desempeñar a tarefa que o goberno liberiano lles encomendou.
A pesca en Liberia é maiormente artesanal, cun nivel de desenvolvemento moi baixo e de case subsistencia. A maior parte dos buques son de pequeno porte e non motorizados. As artes de pesca son fundamentalmente palangre e volanta de baixo porte. A pesca é moi estacional e as mulleres xogan un papel fundamental na cadea de transformación e comercialización das capturas. Existe pesca industrial legal e un volume descoñecido pero non desprezable de pesca ilegal froito da falta de medios para o control e a vixilancia mariña.
Situación da acuicultura
No que se refire á acuicultura, é exclusivamente de tipo rural de pequena escala e atópase nunha fase de desenvolvemento moi primaria debido á falla de semente adecuada, a unha pobre alimentación e a falla de coñecementos técnicos. Son os factores que limitan o correcto desenvolvemento dunha actividade considerada polo Goberno liberiano como de alto potencial produtivo e de carácter estratéxico dende o punto de vista da seguridade alimentaria.
Finalmente, e segundo puido constatar o equipo técnico español, o Bureau of National Fisheries posúe moi escasos medios humanos, financeiros e de infraestructuras, cunha cualificación moi limitada e unha clara incapacidade para afrontar as súas funcións dentro da nova Lei de Pesca, aínda en fase de aprobación. Nembargantes, o seu persoal presenta un alto grao de profesionalidade e unha inmellorable relación coas comunidades pesqueiras, o que demostra unha enorme potencialidade.
No Comments yet »
RSS feed for comments on this post. TrackBack URI