Patella, a specific resource in expansion. Basic scientific knowledge for sustainable explotation.
Acronym: LAPA
Funding entity: Xunta de Galicia
Scientist in charge: Nuria Fernández
Years: 2010-2011
Abstract and objectives:
Patella sp, comunmente coñecida como lapa, é un recurso moi común na costa de Galicia aínda que pouco explotado ata agora para o seu consumo local. Con todo, este recurso é moi apreciado noutras comunidades como Asturias ou Canarias, onde a gran demanda e falta dunha planificación axeitada para unha explotación sostible, orixinou graves problemas de sobreexplotación. Desde 2004 o Goberno de Canarias ven establecendo amplos períodos de veda para evitar a súa desaparición, o que supuxo unha importante oportunidade comercial para as cofradías de Galicia, que están cada vez máis involucradas na explotación deste recurso. A explotación da lapa comeza a desenvolverse en Baiona en 1998 e actualmente xa son 12 as cofradías galegas que explotan Patella. Paradoxalmente esta realízase sen o respaldo do coñecemento científico necesario e por tanto, sen unha planificación axeitada, o que tamén aquí
podería levar á sobreexplotación do recurso, como xa ocorreu con outras pesquerías inicialmente desenvolvidas para a exportación, como a do ourizo de mar. A falta de coñecemento científico fai que unha vez sobreexplotado sexa difícil coñecer o seu estado natural, determinar como lle afectou o proceso da pesquería e por tanto establecer modelos de xestión que permitan a súa recuperación e explotación sostible.
Nos intermareais rochosos de Galicia coexisten varias especies de Patella. Os estudos científicos sobre este gasterópodo indican que as densidades, taxas de crecemento e comportamento reprodutivo de Patella sp varían a escala microespacial coa latitude, a exposición á oleaxe e a competencia inter-específica, entre outros factores. Con todo, non existen traballos científicos sobre a bioloxía, dinámica poboacional e ciclo reprodutivo de Patella en Galicia, polo que non se dispón do coñecemento científico axeitado para elaborar plans de explotación sostibles. De feito, os plans de explotación utilizados están elaborados de forma xenérica para Patella sp, aínda que se trata dunha explotación multiespecífica.
O obxectivo deste proxecto é obter o coñecemento biolóxico das distintas especies de Patella coexistentes nos intermareais rochosos de Galicia, que nos permita determinar datos de abundancias, densidades, taxas de crecemento, ciclo reprodutivo, etc para ser utilizados como unha ferramenta para elaborar plans de explotación sostible. Dun lado, dispoñer de datos biolóxicos dunha explotación aínda incipiente permitiranos facer unha comparación das características biolóxicas do recurso sen explotar coas do recurso xa explotado, para saber como evoluciona ante o proceso de explotación e si xiste risco de sobreexplotación. O desenvolvemento deste proxecto proporcionarannos ademais datos biolóxicos de especies de Patella presentes nos intermareais de Galicia, que ainda que non se exploten na actualiadade serán explotadas con moita probabilidade no futuro, o cal é un referente pouco habitual na xestión de pesquerías, onde os estudos científicos necesarios realízanse unha vez que a explotación ten síntomas de sobreexplotación. A lapa é un recurso con gran potencial en Galicia, cuio estudo permitiría contar cun modelo de referencia de explotación sostible baseado no coñecemento científico.